Aberto o prazo para solicitar subvencións a través dos programas de cooperación
O pasado 1 de marzo publicouse a orden do 19 de febreiro da ConsellerÃa de Traballo e Benestar establece as bases reguladoras da convocatoria das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación en colaboración coas entidades locais.
O obxecto desta orde é promover a contratación de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, coa finalidade de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias pra facilitar a súa inserción laboral.
A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:
- Para efectos salariais, a necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por cada traballador ou traballadora desempregado/a contratado/a. Cando os contratos se concerten a tempo parcial, a contía reducirase proporcionalmente á xornada realizada.
- Para efectos de incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia contratada que reúna os requisitos para percibilo.
Non se subvencionarán o importe da indemnización por finalización de contrato, así como os incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Teñen preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral tales como: mulleres, en especial, as vítimas de violencia, persoas menores de 30 anos e maiores de 45, persoas con discapacidade, paradas de longa duración, desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego, e integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.
As entidades beneficiarias son as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local con capacidade técnica e de xestión suficientes.
O prazo de presentación das solicitudes é ata o 2 de abril, agás para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderá presentarse ata o 15 de novembro.
Coma novidade desta orde, cómpre mencionar a posibilidade de poder acollerse a unha modalidade de contratación anticipada, sempre que teñan indicado no expediente de solicitude a urxencia de atender con carácter inmediato determinadas obras ou servizos do concello, e previa autorización expresa do respectivo departamento territorial.
Tamén se lles dará un tratamento especial aos proxectos que teñan por obxecto a constitución dun Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) e aos concellos que teñan empadroados a traballadores/as que perdesen o seu posto de traballo nas empresas de extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos, como consecuencia da actual situación económica (ata 20 puntos).