Javier Guerra destaca que o Plan re-Forza 2010 dinamizará a economÃa
Os investimentos, os proxectos de reorientación da competitividade e as iniciativas de carácter colectivo poderán acollerse por primeira vez a un sistema que contempla anticipos do 50% do apoio concedido e pagos fraccionados ata o 70%. O conselleiro de EconomÃa e Industria destacou que, a través do Igape, a Xunta impulsará especialmente este ano as iniciativas orientadas a mellorar a competitividade das empresas galegas e apoiar a internacionalización.
Santiago, 8 de marzo de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, protagonizou esta tarde na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) un encontro informativo con empresarios para explicar as liñas estratéxicas do plan re-Forza 2010 mediante o que o seu departamento prevé impulsar, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), novas medidas de apoio que impulsarán especialmente a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego. Nesta liña, o conselleiro destacou que nas bases reguladoras de incentivos do Igape, nas de mellora da competitividade e nas de apoio a proxectos colectivos, que serán publicadas proximamente, contemplarase por primeira vez o pagamento de anticipos e de pagos fraccionados que poderán chegar ata o 70% dos apoios concedidos.
Segundo salientou Guerra Fernández, a Xunta de Galicia é consciente do importante papel que deben desenvolver as empresas para contribuír a que Galicia supere a crise actual. Por iso, indicou, os orzamentos do Igape, como principal organismo de apoio á actividade empresarial, medran un 12%, nun exercicio de importantes restricións orzamentarias. O conselleiro explicou tamén que, mediante o plan re-Forza 2010, a Consellería de Economía e Industria quere avanzar en aspectos que considerou fundamentais para dinamizar o tecido empresarial galego, especialmente achegando unha resposta inmediata ás necesidades das empresas, gañando en axilidade para que os apoios poidan ser máis efectivos.
O plan re-Forza contempla a introdución, por primeira vez no Igape, de importantes novidades no referido á xestión dos apoios concedidos ás empresas. Entre estas novidades, o conselleiro de Economía e Industria referiuse á posibilidade de incluír o prefinanciamento dos proxectos de investimento mediante un sistema que vai posibilitar o pagamento de anticipos do 50% da axuda concedida, así como de pagos fraccionados que poderán chegar ata o 70% dos apoios concedidos. A este sistema de prefinanciamento tamén poderán acollerse iniciativas ou proxectos acollidos ás liñas de reorientación da competitividade e á reguladora de proxectos colectivos.
Como retos fundamentais que se marca a Consellería de Economía e Industria para achegar dinamismo ao tecido empresarial a través do Igape durante 2010, Javier Guerra destacou especialmente que o Instituto debe actuar como facilitador da mellora da competitiva das empresas galegas, e que debe dar un impulso máis intenso e sostido á internacionalización da peme galega.
Segundo explicou o conselleiro, estes retos estratéxicos xerais teñen o seu reflexo nos orzamentos do Igape para este ano. Así, indicou, os fondos destinados ó eixe de mellora da competitividade medran nun 12% en 2010, como os orzamentos xerais do Igape. E os orzamentos en materia internacionalización medran un 57%, porque se parte dunha base máis baixa e hai que avanzar máis de présa, salientou Guerra Fernández.
Javier Guerra destacou tamén que neste ano o Igape reducirá os prazos para a liquidación e pagamento das axudas concedidas, ao tempo que incorporará novas medidas de axilización da man da administración electrónica, con instrumentos como a factura electrónica, o cotexo electrónico ou unha maior integración coas entidades financeiras colaboradoras, tamén sustentada mediante as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).