Nº 13 - febreiro 2010
Traballo convoca subvencións para accións de orientación laboral
O pasado 21 de xaneiro publicouse no DOG a orde coas bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego (IOBE) articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os beneficiarios desta orde son as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos, como universidades públicas, corporacións locais, confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e as entidades especializadas en atención a determinados colectivos (discapacidades físicas, psíquicas e sensoriais) que realicen accións de información e orientación profesional.
As entidades solicitantes que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación na realización de accións de información profesional deberán acreditar experiencia en tarefas de intermediación laboral, prospección de empresas e xestión de bolsas de traballo e as entidades que desexen colabora na realización de accións de orientación laboral e busca de emprego deberán acreditar experiencia en materia de orientación profesional e laboral, motivación cara ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo.
A documentación a presentar constará da solicitude, segundo modelo oficial, dirixida á Dirección Xeral de Formación e Colocación acompañada de:
- Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.
- Tarxeta de identificación fiscal.
- Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude.
- Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.
- Licenza municipal de apertura.
- Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos axeitados dos locais e equipos informáticos.
- Memoria das accións que se van realizar (recursos humanos, técnicos e materias, metodoloxía, xustificación da necesidade das accións, sistemas de avaliación, porcentaxe de inserción laboral dos usuarios, estudo organizativo do servizo, etc.)
Os orzamentos xerais das subvencións para a comunidade autónoma de Galicia para 2010 teñen un importe de 4.166.562 euros e 1.720.000 euros para o ano 2011.
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación no DOG.
Para máis información consulta na web: http://www.xunta.es/dog/Dog2010.nsf
Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Hispanidade nº 17. 36203 Vigo. España
Tlf: 986 42 33 66 Fax: 986 47 14 44 email:
info@maiv.org web:
www.maiv.org