Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo
Vostede atópase en-
Inicio-Proxectos-Sendeiro das Greas
Imprimir Enviar a un amigo/a

Sendeiro das Greas

O Sendeiro das Greas,  homologado pola Federación Galega de Montañismo coa marca "GR-58", é o máis longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia, ten 247 quilómetros de longo, e se divide en 28 tramos que percorren 11 concellos da Mancomunidade de Vigo. 

A Mancomunidade de Vigo dentro da súa política de revalorización do territorio e de promoción do turismo respectuoso co medio ambiente deseñou e executou coa colaboración de cada un dos concellos que conforman a Mancomunidade de Vigo este recorrido que posúe unha gran riqueza natural, paisaxística e patrimonial.
 
A característica que mellor define a este sendeiro é sen dúbida a riqueza e diversificación das paisaxes que van desde percorridos eminentemente forestais, ata zonas baixas de paisaxe agraria pasando por tramos con vistas marítimas da Ría de Vigo, atopando enclaves de especial valor natural como as Ribeiras do Louro, a Tubeira de Orbenlle a braña de Chan de Cereixo, Marisma do Miñor, as ribeiras do río Zamáns, as brañas de Chan de Humberto ou as de Chan de Andoriña.

En contraste con estas zonas baixas atópanse cadeas montañosas con características ben distintas e diferenciadas das anteriores, así, atópanse afloramentos graníticos con formas caprichosas como “O pianista”, encadrada dentro da paisaxe granítica de “Faro Budiño”; a Serra do Galiñeiro, ou o litoral rochoso de Baiona claramente diferenciado polo seu carácter marítimo.
Mención especial merecen, tamén, as Carballeiras por constituír un hábitat específico e autóctono de incalculable valor nas que se pode apreciar a beleza da Avelaiona, ave de rapina habitual en bosques caducifolios ben conservados, ou especies coma os pintaformes.

En canto ao patrimonio arquitectónico e etnográfico, hai que destacar a necrópole megalítica de Monte Penide, o Castro de Chandebrito ou o Monte da Cidade, nos que se produciron diferentes achados come cerámicas, útiles da idade de pedra, ídolos que conforman toda unha representación do Paleolítico. Data histórica que prolifera nesta zona con magníficos conxuntos de petroglifos coma os de Bahíña en Baiona, onde destaca o mural do Outeiro dos Lameiros.

Mapa do Sendeiro (PDF do mapa editado no ano 2001 do que xa non existen exemplares impresos)
 
Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Vía Hispanidade n. 17 36203 Vigo. España
Tel. (+34) 986 42 33 66 | Fax: (+34) 986 47 14 44. | E-mail: info@maiv.org | Web: www.maiv.org