Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo
Vostede atópase en-
Inicio-A institución-Saúda do Presidente
Imprimir Enviar a un amigo/a

Saúda do Presidente

Amigos e amigas,

Benvid@s á páxina web da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, un lugar na rede para informar aos cidadáns dos servizos e proxectos desta entidade local de ámbito supramunicipal, que engloba a un territorio singular polas súas características tanto sociais como económicas.

A Mancomunidade de Vigo nace en torno ao motor económico e poboacional que  a cidade que lle da o seu nome. Arredor da cidade de Vigo reúnense outros once concellos que proporcionan unha serie de elementos diversos e de capital importancia, que fan da área o principal motor económico e de asentamento de Galicia.

O territorio da Mancomunidade de Vigo, composto por doce concellos nos que se atopan diferentes paisaxes, conta cunha importante riqueza natural. Por unha banda lindamos co mar, fonte de riqueza que nos dota de vistas privilexiadas e recursos económicos, ao marxe de representar un atractivo importante para visitantes que se achegan a coñecernos desde outras localidades atraídos pola beleza das nosas praias. Tamén contamos con montañas que percorren o territorio de norte a sur e que proporcionan marcos incomparables a aqueles que se achegan ata as súas cotas. Finalmente están os vales e terras de interior con importantes asentamentos de tipo rural e industrial que fan da Mancomunidade de Vigo, o motor da economía galega.

Dende o punto de vista económico e industrial, a Mancomunidade ten na actualidade unha poboación total que rolda os catrocentos cincuenta mil habitantes, ao que se suma a súa  localización estratéxica, eixo da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal e porta do Atlántico ao vello continente. Nos seus concellos desenvólvense diversas actividades entre as que destacan, o naval, o granito, a automoción, a pesca ou o turismo, que fan que este territorio sexa o máis puxante economicamente da Comunidade Autónoma galega, e que posúa importantes posibilidades de desenvolvemento.

Sen embargo, o principal activo da Mancomunidade de Vigo son as súas xentes, os homes e mulleres que día a día, traballando nas súas actividades e proxectos persoais, contribúen ao desenvolvemento tanto social como económico da área. Non quero deixar atrás a importante labor cultural e de conservación das tradicións que realizan os habitantes dos concellos que integran a Mancomunidade e que se ven traducidas en importantes actividades festivas que se veñen organizando ano tras ano.

O noso proxecto de Mancomunidade é a ampliación de competencias e de servizos aos nosos veciños e veciñas, dende unha entidade que basea as súas accións no crecemento sostible, avogando polo respecto ao noso incomparable entorno natural e proporcionando aos nosos veciños e veciñas un maior benestar social.

É o meu compromiso como Presidente desta Mancomunidade, mellorar a calidade de vida das persoas que viven e se acheguen ata a área de Vigo e os concellos que a conforman.

Abel Caballero Álvarez
Presidente da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo
Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Vía Hispanidade n. 17 36203 Vigo. España
Tel. (+34) 986 42 33 66 | Fax: (+34) 986 47 14 44. | E-mail: info@maiv.org | Web: www.maiv.org