O Obradoiro de Emprego "Maiv Garantía Xuvenil 2018" é un proxecto de formación e emprego promovido pola Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo, dirixido a persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O proxecto ten como obxectivo formar a 16 alumnos/as traballadores/as en dúas especialidades que terán asociados os correspondentes certificados de profesionalidade de cara a mellorar a súa empregabilidade e favorecer a súa incorporación ao mercado de traballo.
A duración do proxecto é de seis meses e o seu desenvolvemento terá lugar desde o 28 de setembro de 2018 ao 27 de marzo de 2019.
As especialidades formativas son:
Comercio e Marketing: nesta especialidade formaranse 8 alumnos/as traballadores/as no certificado de profesionalidade de Xestión de Marketing e Comunicación e simultaneamente realizarán actividades relacionadas coa dinamización das páxinas web e dos servizos da Mancomunidade.
Deseño de Produtos Gráficos: esta especialidade conta con 8 alumnos/as traballadores/as que se formarán dentro do certificado de profesionalidade de Deseño de Produtos Gráficos e que tamén realizarán traballos onde desenvolverán proxectos gráficos a partir das especificacións iniciais do produto; elaborando bosquexos, seleccionando e adecuando cor, imaxes e fontes tipográficas; creando elementos gráficos, maquetas e artes finais; utilizando ferramentas informáticas; realizando presupostos en función das características do proxecto e verificando a calidade do produto terminado.
Ademais da formación específica dos certificados de profesionalidade que correspondan, os/as alumnos/as traballadores/as recibirán formación nos seguintes módulos complementarios: Prevención de Riscos Laborais, Alfabetización Informática, Sensibilización en Igualdade de Xénero, Sensibilización Medioambiental, Orientación Laboral e Creación de Empresas.