A razón de ser de calquera empresa é proporcionarlles ás persoas que a fundan uns beneficios, ben polo traballo que realizan ou ben polo diñeiro que invisten nela. Así que terás que esforzarte en procurar que a túa futura empresa sexa rendible compensando o traballo realizado para que a mesma chegue a nacer. Para iso terás que intentar prever cánto diñeiro vai gañar a túa empresa, cánto tes que gastar para conseguir ditas ganancias, e se todo isto paga a pena.
O plan de investimentos
En primeiro lugar necesitarás unha serie de bens (maquinaria, ferramentas, materias primas, etc.) que che van permitir realizar a túa actividade.
Estes bens poden ser de dous tipos:
Investimentos fixos ou duradeiros: instalacións, mobiliario, máquinas, ferramentas, ordenadores, etc.
Elementos que se consumen no desenvolvemento normal dos teus traballos: materias primas, consumibles de informática, material de oficina, etc.
Ó conxunto de tódolos elementos que necesitas para empezar a traballar chámaselle "ACTIVO". Unha vez que dispoñas do activo necesario para a túa empresa, poderás comezar as actividades e empezar a vender e gañar cartos con iso.
O financiamento
O diñeiro necesario para pagar tódolos elementos que mercaches para o desenvolvemento da túa actividade (ACTIVO) tes que conseguilo dalgún xeito (aforros propios, préstamos familiares, etc.), é o que se chama "PASIVO".
Os recursos monetarios que necesitas poden provir de:
- Fondos propios: Aforros, capitalización do desemprego.
- Fondos alleos:
- Préstamos a longo prazo: fondos que hai que devolver a máis de 1 ano
- Préstamos a curto prazo: fondos que hai que devolver antes dun 1 ano.
ONDE CONSEGUIR DIÑEIRO
- Fontes persoais, familia e amigos.
- Asociarse con alguén.
- Entidades financeiras: préstamos persoais, créditos hipotecarios, etc.
- Sociedades de capital risco.
- Sociedades de Garantía recíproca.
- Axudas á Pequena e Mediana Empresa.
- Créditos comerciais: provedores
Ingresos e gastos
Unha vez que dispós dos medios necesarios e do diñeiro suficiente, xa podes comezar a traballar. Tes unhas instalacións, unhas máquinas, unhas materias primas, etc., todas elas debidamente financiadas.
O cálculo da previsión de beneficio ou perda do teu negocio terás que facelo restándolles ós ingresos que, previsiblemente, vas conseguir os gastos que terás na realización das túas actividades.
Os ingresos da túa futura empresa provirán dos produtos que vendas ou dos servizos que leves a cabo coas túas actividades cotiás.
Os gastos son a cuantificación de tódolos consumos que teñas durante a actividade diaria da túa empresa. Nas tarefas propias da empresa consumirás unha serie de produtos. Algúns dos consumos non proveñen directamente das actividades de produción, senón que estarán relacionados con tarefas máis xerais da túa empresa, pero igualmente necesarias, como poden ser os gastos de limpeza das instalacións, os seguros que teñas que pagar, ou os gastos de teléfono ou de correos.
|
|